Hai tempo que a novela galega viaxa máis alá das nosas fronteiras e dos nosos mundos máis coñecidos. Este é o caso de Martínez Oca, que nos ofrece agora unha divertida e disparatada aventura na África das grandes descubertas, viaxes e exploracións do século XIX. Humor, divertimento, imaxinación e, sobre todo, unha capacidade notable para narrar, para arrastrar ó lector no discurso literario, virtude que Martínez Oca vén demostrando de moito atrás.As florestas do Mañuema lévanos ás terras africanas das viaxes de David Livingstone e Stanley. Un grupo de ourensáns das terras de Verín, acompañados dalgún portugués cobizoso, emprende a extraordinaria experiencia de ir buscar a Livingstone, que anda perdido nas selvas de África, seguindo unha convocatoria do New York Herald. No grupo vai un poeta, un impresor, un comerciante, un filántropo e un taberneiro que, anos despois, narra a aventura a un mozo que cumpre en Vigo o servicio militar. O lector viaxa con asombrosa facilidade nos dous planos: a experiencia do rapaz no cuartel de Vigo, cando os mozos marchan para a guerra de Cuba, e o relato de Luciano Taboada, o "Cuncas", debruzado no mostrador da taberna.