Este libro contén unha escolma de poemas dun dos maiores poetas galegos deste século, Aquilino Iglesia Alvariño. A obra consta de vintetrés poemas. Seleccionáronse a partir da totalidade da producción poética do autor, polo que hai unha lóxica diversidade entre os diferentes poemas, que responden a diferentes épocas e a diferentes preocupacións temáticas e formais. Os poemas foron escollidos para que encaixasen coas características da poesía orientada ó público infantil. En todos eles atopamos un léxico moi rico, con abundantísimas referencias ó mundo rural da Galicia interior.Abundan, sobre todo, os poemas que cantan os elementos da natureza (Era un sol pequeniño, Brétema, Nubes que pasan, Era un mencer de San Xoán, etc.) e os labores propios do mundo rural (Hai que traballar, In agore gaudium, Canté, ruliña...). Outro nutrido núcleo é o formado por poemas que cantan o amor (Polo correo do vento, A invitación do barqueiro, Eu quero oír o teu silencio...) ou a amizade (Nunha cea de amigos). Finalmente, outros poemas tratan temas como a reflexión sobre o paso do tempo (Cando teña trescentos anos), a relixiosidade do Nadal (Canción mística), o carácter submiso dos galegos (A tantos amos serviron), etc.
Xesús lorenzo Varela (1917-1981) é unha das voces máis vibrantes da literatura do exilio, a memoria da Galicia que se expresa principalmente desde América entre 1939 e 1960: Luís Seoane, Emilio Pita, Silvio Santiago, Ramón Valenzuela... Este volume reúne a poesía galega do autor en tres apartados: Catro poemas para catro gravados, de 1944 (tamén coñecido como María Pita e tres retratos medievais, con ilustracións de Luís Seoane), Lonxe, de 1954, e outros textos. A anguria do desterro, a saudade, a esperanza endexamais abaixada, a épica do vello país... son algunhas das constantes do seu verso, representativo de toda unha xeración.