Manuel Ceferino Díaz (O Saviñao, Lugo, 1947), licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago, foi Secretario de Relacións Políticas (1979-1980) e Vicesecretario Xeral (1980-1982) do PSdeG-PSOE. Entre 1973 e 2000 foi profesor na Facultade de Ciencias Económicas da USC, traballo que partillou coa actividade política como deputado no Parlamento Galego (1981-1997).
Recibe novedades de CEFERINO DIAZ directamente en tu email
Unha análise dos cambios económicos e sociais entre 1981-2009 Transcorreu xa tempo abondo para valorar as bondades e fraquezas da autonomía. Máis de vinte e cinco anos despois, é o momento de analizar os resultados. Este libro responde a esa demanda ao estudar os cambios e transformacións que se produciron en Galicia como consecuencia do goberno autonómico. Os anos da Autonomía coinciden cos de maior desenvolvemento da sociedade galega. Os traballos que se recollen neste libro parten desa constatación amais de teren en conta a incidencia doutros factores -contexto internacional e o papel da Unión Europea- á hora de estudar o acontecido durante un período no que Galicia goza de autogoberno para organizar e construír o seu presente. O cambio social, a análise económica, o territorio e a súa ordenación, o sistema sanitario galego, os medios de comunicación, o longo proceso de normalización lingüística e o devir da cultura son os eixes temáticos desta pormenorizada análise, que reflicte unha etapa de máis de vinte anos de período autonómico.
Unha ollada desde o socialismo galego . Velaquí a crónica dun tempo aparentemente breve, pero extraordinariamente intenso, que marcou o desenvolvemento da sociedade galega nas últimas décadas: a xestación e conseguinte aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia (1979-80) no marco da Constitución Española (1978). O relator é un cronista excepcional, testemuña directa dos feitos. A súa ollada, documentada e clarificadora, apunta perspectivas novas verbo de capítulos non sempre ben coñecidos daquel proceso, decisivo na configuración da realidade política e social da Galicia de hoxe.