Este libro, coordinado por Héitor Mera, publícase como homenaxe ao escritor Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Réune once traballos, que constitúen un completo percorrido pola biografía humana e literaria do poeta de Cangas, ademais de catro homenaxes poéticas e artísticas. Abre o volume senllos textos de Clara Millán e Xosé Manuel Pazos, alcaldesa e concelleiro de Cultura do concello de Cangas, institución que colaborou na edición do volume, e unha semblanza biográfica do homenaxeado ("Bernardino Graña Villar: profeta do mar, profesta na súa terra") realizada polo coordinador do volume e completada por Anxo Angueira ("En Padrón, os alumnos do Instituto."). A continuación Xosé María Álvarez Cáccamo ("Mar e amor contra a cidade gris. Os rexistros políticos na poesía de Bernardino Graña"), X. Millán Otero ("Bernardino Graña, poeta do mar) e Daniel González ("Cantando a Bernardino") estudan a obra poética do chamado "mariñeiro das palabras". Logo, Paula Fernández González ("Bernardino Graña, autor infantil") e María Navarro ("O gaiteiro e o rato Pérez. Premio Merlín 1993") abordan a súa obra infantil, Rosendo Díaz-Peterson ("Protoevanxeo do neto de Herodes") a súa novelística e Afonso Becerra de Becerreá (A literatura dramática de Bernardino Graña") a teatral. Completan este libro de homenaxe os poemas de Carlos Solla, Elvira Ribeiro Tobío, Lucía Novás e Xoán Xosé Abella, as fotos de Fran Her
Bernardino Graña, un dos grandes poetas da literatura galega de todos os tempos, conversa ao longo destas páxinas con Rafael Fernández Lorenzo e Héitor Mera Herbello sobre a súa vida, a política e a literatura, facendo un repaso da súa dilatada experiencia vital e do tempo que lle tocou vivir. A través de múltiples anécdotas, sucesos e pequenas historias, este libro de conversas con Bernardino Graña constitúe unha xanela á que os lectores poden asomarse para o seu gozo e pracer: desde a infancia e mocidade do poeta –entre Ribadavia e Cangas– e a súa etapa universitaria, ao intenso período de formación do mítico grupo Brais Pinto (que tan positivos resultados daría para a literatura galega), sen esquecer nunca ao creador, ao escritor, a ese imperecedoiro Bernardino Graña entregado con paixón á literatura. Este libro de conversas con prólogo de Gonzalo Navaza, constitúe un eficaz exercicio para achegarse a aspectos menos coñecidos da obra e da personalidade do poeta de Cangas e recuperar a nosa memoria a través do texto privilexiado dun creador irrepetible.
Unha década de literatura infantil e xuvenil en galego recompila recensións críticas publicadas entre os anos 2003 e 2009 no suplemento literario "Faro da Cultura" do Faro de Vigo, A Nosa Terra e o Cartafol de Libros do portal Vieiros, do que o autor foi coordinador. Recóllense aquí 34 artigos sobre obras dirixidas ao público infantil e xuvenil, precedidas dun ensaio máis amplo que ofrece unha panorámica desta literatura en Galicia. O crítico sinala aquelas obras que conteñen interese literario e ao mesmo tempo didáctico, baseándose na súa experiencia como docente. Sen dúbida, esta compilación será de interese para mestres e proxenitores que precisen unha guía para a lectura dos seus cativos e non se deixen seducir pola simple oferta das mesas de novidades.
Morgante saca á luz Literatura en galego no alborexar do século, outra creación de Héitor Mera, onde se sintetizan 41 artigos sobre libros de poesía, de narrativa e de ensaio, que o crítico literario avalía cunha mirada desprexuizada e ás veces mordaz, mais tamén emocionada ante achados de valía. Sen dúbida, esta compilación será de interese para o lector -especializado ou non- que desexe coñecer dunha rápida ollada o máis salientable da produción literaria en galego da primeira década do século XXI.