"Allariz é un tecido de relembranzas de moitísimas cores", así a define Marcial Suárez nunha obra que dá conta da historia, arte e cultura de Allariz desde unha óptica persoal de agarimo cara a esa terra. A paisaxe, o río, a ponte e a igrexa. a declaración de Conxunto Histórico-Artístico. unha vila para gozar paseando que se abre ao lector a través dunha narración descritiva e das máis de cen fotografías en cor que testemuñan o transcorrer do tempo na vila ourensá.
Unha galería de personaxes curiosos retratados en comprometidos momentos da súa existencia vilega. Hainos bondadosos, malvados, inocentes, simples… Este libro aparecido por primeira vez en 1969 en Galaxia consta dunha serie de narracións que teñen como protagonistas a tipos curiosos coñecidos polo escritor durante a súa mocidade ou que parten de situacións que el mesmo viviu cando residía na súa vila natal. En conxunto compoñen un libro cheo de graza e de humor, no que o detalle sorprendente, a finura da percepción da realidade ou a tenrura dalgunhas evocacións do pasado conforman un mundo narrativo cargado de vida e de interese.