Bergan é unha obra debedora d´A cidade branca, pero a súa historia actual, como o mundo debuxado no pensamento da Grecia clásica, está cambiada, transformada e semella en permanente movemento, quizais lineal, circular ou elíptico, pois todo cabe nel.
O xénero fantástico empregado achégaa a obras recoñecidas na literatura universal e que a todas e todos non poden vir ao pensamento sen mencionar ningunha. Con todo, a súa apropiación da mitoloxía do noso país sitúao nunhas terras que nos son próximas, e contribúe tamén, non sabemos se intencionadamente, a evocar autorías que xogaron coa realidade e a fantasía ás que parece render homenaxe.O xogo literario, desde logo sorprendente, coa“presenza”de tres narradores para facernos comprensíbel a procura de Bergan, ademais de sumar visións que son recollidas, en realidade, por un narrador omnipresente, tamén nos propón a idea de que“todo é segundo os ollos cos que se mira”, de aí, quizais, as súas múltiples lecturas e interpretacións.
***Dóniga é unha civilización perdida. Ou case. Desterrados dun tempo remoto, aínda quedan homes e mulleres que gardan celosamente o recordo do seu tempo de esplendor, antes de que Ténebro ensombrecera o mundo. Nacido xa en tempos e terras de penumbra, Bergan iniciará unha viaxe na busca da memoria secreta dos dónigos. Viaxe no espazo per...