Xosé Cermeño (A Coruña, 1959) é sociólogo, escritor e creador de televisión. Foi director da primeira serie de ficción en galego (Os outros feirantes, TVG, 1990) e creador de Pratos combinados, a primeira telecomedia na TVG (1995-2006), unha produción xerminal no noso audiovisual. Imaxinou e dirixiu programas de éxito, como Larpeiros (2007-2019), ademais de ser autor e guionista doutras producións. Publicou Ciencia de facer as camas (1994), Os nervios da cabeza (1994, Premio Cidade de Lugo), Historia de Abbadón (1991, Premio Leliadoura de poesía), libros de gastronomía, de narrativa infantil e de divulgación. Días felices con Fábia (Galaxia, 2023), unha historia portuguesa de sedución e enganos, é a súa ultima novela. Dedicou un ensaio —Un bacalao por bandera— á historia cultural e gastronómica do bacallau. Débelle moito á literatura, pero tamén á pesca, á cociña, á antropoloxía da alimentación, ás películas de Billy Wilder e aos paseos pola cidade.
Lourdes Maceiras (Lourdes Maceiras García) (Barcelona, 1955) é médica e profesora da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Vigo. Ten publicadas as seguintes obras de literatura infantil: O torques de ouro (1989);Rabibranca (1991); Nos xardíns (1994); A pantasma da torre (Xerais 2002), ademais do relato "Foi nas vacacións", incluído no volume colectivo E dixo o corvo.