Editorial Galaxia publica O prodixio dos zapatos de cristal, recreación do conto tradicional de Charles Perrault a cargo de Xosé A. Neira Cruz. Xunto con O debut de Martino Porconi a editorial inicia unha nova colección, Árbore Musicontos, nun ambicioso proxecto nacido da colaboración coa Real Filharmonía de Galicia quen puxo o marco musical ("La Cenerentola", de Rossini) e da voz da actriz de dobraxe Teresa Santamaría. Literatura e música danse a man neste musiconto (libro+CD) ilustrado por Rodrigo Chao, de tal xeito que o lector-oínte gozará dunha experiencia estética a varios niveis: o pracer dun conto ben escrito, o pracer dun conto ben narrado, e o pracer da música, que actúa coma un soporte perfecto para toda a historia. Xosé A. Neira Cruz e o director da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave, traballaron man con man para seleccionar as partes da ópera de Rossini que servirían para ambientar o conto nesta nova versión, un chisco irreverente, pero que nos permite volver a ler a historia clásica con ollos novos.
Este musiconto é, xa que logo, un libro que vai poder ser gorentado tanto polos máis pequechos da casa como polos adultos. Non é só a historia. Tampouco só a música. O musiconto é un conxunto onde todo se une para engrandecer a literatura e o gusto por contar. Se os bos libros teñen que esforzarse en agradar e entreter, este libro que agora presentamos cumpre con eses obxectivos sobradamente.
Ficha técnica
Editorial: Galaxia
ISBN: 9788498651416
Idioma: Gallego
Número de páginas: 44
Encuadernación: Tapa dura
Fecha de lanzamiento: 10/12/2008
Año de edición: 2008
Plaza de edición: Vigo
Especificaciones del producto
Escrito por Xosé A. Neira Cruz
XOSÉ A. NEIRA CRUZ é xornalista, escritor e profesor na USC. Licenciado en Xornalismo e Filoloxía Italiana, é doutor en Comunicación e en Filoloxía Italiana, e máster en Dereito Premial. Autor de máis de 30 obras, recibiu, entre outros, o Premio Merlín (1988 e 2000); o Barco de Vapor (1997 e 1999); o Raíña Lupa (2002); o Lazarillo (2004); o Fiz Vergara Vilariño de poesía (2007); o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnic (2005 e 2009); o IBBY Honour List (2006); o Los Mejores del Banco del Libro de Venezuela (2006); o Premio ao mellor libro estranxeiro no Brasil en 2008, da FNLIJ; os premios Barriga Verde e Manuel María de teatro (2008, 2009 e 2010), o Premio Repsol de Narrativa (2017) e o Carlos Mosteiro de literatura infantil (2019). Autor convidado nas feiras do libro de Buenos Aires (2006), La Habana (2008) e Guadalajara (2009), no Salão do Livro de Rio de Janeiro (2007), no Berlin Litteratur Festival (2009) e no festival Favole in crescita, Montecassino (2016). Con Veleno de tinta impresa (Xerais, 2020) gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta.