O xardín das pedras flotantes, a obra de Manuel Lourenzo González, gañadora do XXV Premio Xerais de Novela, é o relato dun amor extraordinario de dous adolescentes, Simón e Anabel, marcado por unha historia xenealóxica, que arrinca desde a Idade Media e nos conduce até a actualidade. Unha historia fermosa gobernada por unha gran imaxinación e ateigada de riquísimas crónicas que acaban encaixando na engranaxe da novela coa precisión da maquinaria dun reloxo. Botando man de elementos da literatura fantástica ou da traxedia e sen esquecer nunca un sutil e estimulante sentido do humor, esta novela podente homenaxea esa literatura que viaxa de Lovecraft a Poe, e adobíase, desde as roupas da contemporaneidade, cos intensos sentimentos humanos que o amor provoca nos comportamentos dos personaxes. Desde o discurso memorialístico inicial, que o personaxe realiza e que preside toda a narración –orixinándose moito antes da súa propia infancia– até o desenlace final, o lector non perde de vista en ningún momento que a historia de Simón e Anabel é o auténtico motor que tece o entramado singular desta novela entretida, viva, vizosa e sedutora.
Ficha técnica
Editorial: Xerais
ISBN: 9788497829083
Idioma: Gallego
Número de páginas: 528
Tiempo de lectura:
12h 38m
Encuadernación: Tapa dura
Fecha de lanzamiento: 21/10/2008
Año de edición: 2008
Plaza de edición: Vigo
Alto: 22.0 cm
Especificaciones del producto
Escrito por Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943), licenciado polo Institut del Teatre, de Barcelona, alumno de Pepe Estruch, está vinculado desde 1965 ao teatro independente e comprometido na causa da reincorporación do teatro á vida pública galega. Sexa como dramaturgo, director, actor, teórico, divulgador ou grafista, os seus obxectivos foron sempre a creación e implantación dun teatro galego contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas nin estéticas. Nesta dirección, impulsou a creación dos seguintes grupos e compañías teatrais: O Facho (1965), Teatro Circo (1967), Escola Dramática Galega (1978), Compañía Luís Seoane (1980), Clube teatral Elsinor (1990), Casahamlet (1997)... É autor dunha extensa obra dramática iniciada en 1969 con «Romería ás Covas do Demo» e materializada en 2009 como «As dunas», entre a que destacan títulos como «Veladas indecentes» (1996), Premio Nacional de Literatura Dramática; «O circo da medianoite» (1997); «A larva furiosa» (2003); «As horas baixas» (2008), «Flores de Dunsinane» (Xerais, 2010) e «Suite Artabria» (Xerais, 2017), estas dúas últimas galardonadas co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais. Reuniu o seu teatro breve (1973-2015) no libro «Nunca paraíso» (Xerais, 2016). Dirixiu espectáculos como «Electra», «Copenhague», «Fausto», «Magnetismo», «O avión paranoico»... Recibiu numerosos premios: Abrente (1978), Artur Carbonell (1983), Teatro de Cámara Ditea (1985), Rafael Dieste (1996, 1999), Marisa Soto, Maruxa Villanueva, Premio Nacional da Cultura Galega de Artes Escénicas (2008) e Premio Otero Pedrayo (2011).