Valería máis prender a luz e ler, eludir os labirintos nos que se adentra o pensamento, mais o cansazo vólveme pasiva e derivo cara a lembranzas luminosas. Ás veces abórdoas e invádenme ata tal punto que, ao longo dun instante, confúndoas coa realidade.Aquel día, as horas pasadas a te contemplar, a reter a túa man fría que se puña tesa de vagariño, a agarimar o teu rostro, eu sentira que repousabas sobre do noso leito, coma sobre dunha ribeira e que me transportaba a pesares de min, pois que estaba viva, nunha corrente irresistible. Ti estabas para sempre endexamais inmóbil, eu estaba por un tempo aínda en movemento. A morte arredábanos para toda a eternidade.