Pinto&Chinto é o dúo de humor gráfico formado polo ilustrador David Pintor e polo escritor Carlos López Gómez. Asociados dende 1993, o dúo ten publicado as súas viñetas diarias en El Correo Gallego, O Correo Galego e, desde 1998, nos xornais do Grupo Voz (La Voz de Galicia, Diario de León, Diario 16 e La Voz de Baleares). Pinto&Chinto expuxeron o seu traballo na Bienal da Caricatura de Ourense, O Sapoconcho do Museo do Humor de Fene, en Verín, en Lisboa, en Oeiras; recibiron en 2007 o premio Curuxa Gráfica, que concede o Museo do Humor de Fene; e publicaron diversos libros para nenos: Suca (2001), Aquilino pinta unha nube e un camaleón (2002), Historia de Román, o bombeiro (2005), O pequeno da familia fantasma (2005), premio Frei Martín Sarmiento 2007, Minimaladas (Xerais 2007), Premio Merlín de Literatura Infantil, ilustrado por David Pintor, Novas minimaladas (Xerais 2008) e Cámbiache o conto (Xerais 2016). Ademais, no eido do cómic crearon o personaxe Tito Longueirón, que apareceu semanalmente nas páxinas da revista Golfiño, historietas que foron recollidas en 2005 nun volume publicado por Edicións BD Banda. Carlos López Gómez publicou, ademais, o poemario Espello sen fondo (2000).