A presente obra, coordinada por Fernando Salgado García, un dos biógrafos máis destacados do poeta Lorenzo Varela, recolle un detallado percorrido fotobiográfico sobre a peripecia vital e traxectoria literaria do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2005. Un libro, prologado polo profesor Xesús Alonso Montero, que recolle centos de fotografías (a maior parte deles inéditas), textos e documentos organizados nas seguintes etapas: 1916-1931: Infancia: La Habana - Monterroso- Buenos Aires. 1931-1934: Aceiro e mel: Lugo 1934-1939: Armas e letras: Madrid - Guerra Civil. 1939-1941: Camiño do desterro: Francia - México. 1941-1947: A esperanza renacida: Buenos Aires. 1947-1952: O Exilio no exilio: Uruguai. 1952-1976: A dobre patria galaico-criolla: Buenos Aires. 1976-1978: As cicatrices do retornado: Madrid - Galicia. A obra, ademais do percorrido fotobiográfico, inclúe ensaios de Xesús Alonso Montero ("Raíces lingüísticas, raíces literarias e raíces políticas de Lorenzo Varela"), Xosé Gregorio Ferreiro Fente ("Do socialismo ateniense ao mi mamá me mima. Lorenzo Varela e o padroado das Misións Pedagóxicas"), Alberto Portas Gómez (Lorenzo Varela. O militante e o seu tempo"), Carlós L. Bernárdez ("Lorenzo Varela: `o diagrama dun grito`. Unha visión esgazada e reflexiva da poesía, a arte e a vida") e Xosé Luís Axeitos ("Lorenzo Varela, unha voz amurallada). O volume complétase cunha completa cronoloxía e bibliografía de e sobre Lorenzo Varela. A edición desta fotobiografía realizouse en colaboración entre o Consello da Cultura Galega e Edicións Xerais de Galicia.
Pasaron dez anos, periodo no que Fernando Salgado, o rigoroso, minucioso e apaixonado biógrafo de Lorenzo Varela foi rexistrando, benedictinamente, canto dato, edición, tradución, reseña, artigo, homenaxe... foi suscitando o nome e a obra do 'atormentado' escritor. O resultado deste labor (e de moi demoradas cavilacións) é o presente libro, que é máis, moito máis -diga o que diga o seu autor- ca unha edición revisada e ampliada do publicado en 1995. Porque Fernando Salgado fixo algo máis ca estar atento á bibliografía e á hemerografía alleas; investigou pola súa conta, con notable éxito, territorios da biografía de Lorenzo nunca explorados ou só apuntados laconicamente na redacción de hai dez anos. [Fragmento do prólogo de Xesús Alonso Montero]