Escrito para que as persoas entren nos poemas, Os hemisferios concibiuse para entender, por iso tamén é unha pregunta. Árbores e planetas, terra e ceo, lúa e sol crean o acubillo no que se gorecen as voces. A palabra, a fala e os falares relacionan directamente a poesía co que está fóra dela. O interior é exterior, e viceversa: a aparencia é a realidade. Estes poemas, coma o xeo, amosan e ao mesmo tempo velan. A poesía raña a superficie da linguaxe, deixa marcas, pegadas do seu paso. Con sutil delicadeza, María do Cebreiro (Compostela, 1976) rexístraas e avisa da súa presenza.
Editorial Galaxia quere contribuír á celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, cun libro de ensaios escrito pola poeta María do Cebreiro Rábade Villar no que se fai un achegamento á invención histórica das mulleres como suxeitos. As terceíras mulleres é un ensaio de ensaios escrito ao redor da creación artística e literaria feita por mulle- res e da nova maneira de entender a representación da subxectividade feminina. As mulleres xa non interesan só como obxectos da ollada masculina, a crítica e o pensamento como acción e reacción, lonxe da pasividade e da autocompracencia, forma parte do seu novo papel na sociedade. Feminino e plural, o libro de María do Cebreiro Rábade Villar traza un percorrido libre por diferentes obras da tradición ocidental, mostrando o diálogo entre a literatura, a música e as artes visuais de moi distintos tempos e lugares. En As terceíras mulleres, a autora amosa como as fillas de Anio, cantadas por Ovidio nas Metamorfoses, supoñen a emerxencia dunha posibilidade alternativa de concibir a relación entre os xéneros, tomada esta palabra no seu dobre sentido de xénero sexual e xénero literario. A misteriosa raíña de Mallorca, o poema «Dona Flamenca» de Álvaro Cunqueiro e a canción de temática amorosa composta e interpretada por mulleres cubanas son outros dos temas sobre os que María do Cebreiro Rábade Villar reflexiona e, a carón deles, sobrancean un orixinal achegamento ao pensamento literario de Virgina Woolf ou a análise da fuxida dos discursos filosóficos e artísticos sobre o amor na sociedade contemporánea. [Presentación editorial]