A denominada novela simbólica foi cultivada todo ó longo do pasado século XX acaso en reacción contra a chamada realista que, dende o positivismo, impregnou non poucas das escritas baixo tales adscricións, tamén todo ó longo dese mesmo século. Na novela simbólica, baixo unha trama que na aparencia se nos podería antollar tan só realista, entóbanse cantidade de significacións que son descrifrables en ocasións, pero que resultan dificilmente detectables noutras. Los otros días foi, polo menos de momento, a única novela de Alfredo Conde editada unicamente en castelán, en espera de ser editada na lingua na que foi escrita, e foi tamén a súa primeira incursión no eido da novela simbólica. Nela, moitas de tales claves permanecen aínda ocultas para os máis dos seus lectores. Sen embargo, en Memoria do soldado, esta nova e segunda incursión do autor no sempre vizoso eido da novela simbólica as máis destas claves han ser desveladas de contado polo lector a pouco que permaneza atento: o seu antibelicismo, o seu antimilitarismo son tan evidentes que así se pode anunciar. Pero hai moitas máis significacións que reclaman a lectura atenta desta historia na que un octoxenario evoca, dende a altura dos seus anos, dende a súa profesión de entomólogo e dende a súa condición homosexual, a guerra civil que durante un tempo dividiu ó seu país en dous bandos non tan irreconciliables como podería parecer, o de Eol e mais o de Oldn. A esa lectura atenta e minuciosa propia dos amantes da literatura encoméndase esta nova novela que sen dúbida significa un paso adiante máis dado por quen ten acadado para as nosas letras os maiores recoñecementos que lle levan sido concedidos fóra dos seus, dos nosos, lindes naturais.
Ficha técnica
Editorial: Sotelo Blanco Edicions
ISBN: 9788478243976
Idioma: Gallego
Encuadernación: Tapa blanda
Fecha de lanzamiento: 20/05/2002
Año de edición: 2002
Plaza de edición: Vigo
Especificaciones del producto
Escrito por Alfredo Conde
Alfredo Conde (Allariz, 1945). Mariño mercante. Dedicado ao xornalismo literario, colabora actualmente con El Correo Gallego. A súa obra narrativa está traducida a diversas linguas. En 1968 apareceu o seu primeiro libro, o poemario Mencer de lúas. Como narrador publicou, entre outras obras, Mementos de vivos (1974), relatos; O contubernio (1978), novela; O barco é do amo (1978), novela; Breixo (Xerais 1981), novela, Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galicia; Memoria de Noa (Xerais 1982), Premio Chitón de novela e Premio Ícaro; Xa vai o Griffón no vento (1984; Xerais 1998), Premio Blanco Amor de novela, Premio da Crítica Española, Premio Nacional de Literatura, Premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira publicada en Italia en 1990; Una conversación en la Habana (1989), longa entrevista con Fidel Castro; Música sacra (1989), contos; Los otros días (1991), Premio Nadal de novela; Sempre me matan (1995), novela; A Casa de Adara (Xerais 1996), relatos; O fácil que é matar (Xerais 1997), novela; Azul cobalto (2001), novela; Memorias dun soldado (2002), novela; Ósos de santo (2010), novela; Chovida do ceo (Xerais 2014) novela e O beato (Xerais 2016), Premio Ateneo de Valladolid 2015.