Toda a novela está contada dende un ángulo, o do protagonista, onde realidade e soño se confunden. Don García de pé, aferrollado, cangado de grillóns diante do mirador, contempla o mundo máis aló das serras: A patria xalundes, o reino perdido para sempre. Recibe a visita de Amaro Érniz, o derradeiro amigo, personaxe que fará de necesario contrapunto na novela. Don García, consciente dos estragos do tempo, sofre pola memoria do pasado, a ensoñación da infancia, o anhelo da beleza confinado na prisión dos seus soños... a soidade... a viaxe imposible ó paraíso perdido que o levará ó final por el elixido.
Ficha técnica
Editorial: Xerais
ISBN: 9788483020692
Encuadernación: Tapa blanda
Fecha de lanzamiento: 15/05/2001
Especificaciones del producto
Escrito por Darío Xohán Cabana
Darío Xohán Cabana (Roás, 1952) traballou en Edicións Castrelos, foi liberado sindical, garda municipal e, finalmente, funcionario do Concello de Lugo. Desde 1987 elaborou o encrucillado galego diario en «La Voz de Galicia», foi membro do Consello de Redacción de «A Trabe de Ouro» e académico numerario da Real Academia Galega desde o 2006. Como poeta obtivo, entre outros, os premios Cidade de Ourense (1982 e 1986), Celso Emilio Ferreiro (1983 e 1986) e Martín Códax (1994). É autor de distintos libros de poesía, reunidos no volume «Vinte cadernos. Poemas 1969-2002» (Xerais, 2003), e de «Cabalgada na brétema» (2006). Galardoado tamén como narrador, destacan «Galván en Saor» (Premio Xerais de novela, 1989), un clásico da literatura galega recente; «Fortunato de Trasmundi» (Xerais, 1990); «Vidas senlleiras» (Premio Cidade de Lugo, Xerais, 1992), a partir dun seu conto, fíxose a película «A mariñeira» (Antón Dobao, 2008); «O cervo na torre» (Premio Xerais de novela, 1994), «Morte de rei» (Xerais, 1996) e «Mitos e memorias» (Xerais, 2003). Escribiu tamén para o público infantil e xuvenil «As aventuras de Breogán Folgueira» (Xerais, 1990), «Chucho Cacho» (Xerais, 1994), «As viaxes do príncipe azul» (1993), etc. En 1991 foille outorgada a Medalla de Ouro da cidade de Florencia pola súa tradución d'«A divina comedia» de Dante. É autor, ademais, de antoloxías, guías, traballos historiográficos e biografías como «A chegada a Lugo do primeiro tren» (2005) ou «Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra» (Xerais, 2008). A súa traxectoria biográfica está recollida no libro «Conversas con Darío Xohán Cabana. Vida e escrita» (Xerais, 2007). Nos seus últimos anos dedicouse fundamentalmente á tradución: os trobadores occitanos, de novo Petrarca e Dante (2011, 2012 e 2014) e varias novelas francesas. «A música das palabras. De lingua e literatura, 1990-2021» (Xerais, 2022), é unha recompilación de pequenos ensaios en forma de artigos e conferencias. Morreu o 16 de novembro de 2021 deixando máis de 50 libros publicados e unha inmensidade de ideas, palabras e proxectos na gabeta.