Lembran a aquel personaxe de Bertold Brecht que na maleta levaba un tixolo para amosar como era a súa casa. Tasha agasállanos con artesanías tiradas das súas tradicións como pobo nómade; Saleh Nafe cunha arcaíca gravadora e Mulei nos controis da Radio Nacional Saharauí queren facernos un oco nas ondas; Ahmed Bubut mostra cicatrices como medallas gañadas na guerra contra a ocupación de Marrocos; Aixa endózanos o padal con saborosos pratos e memorias de nenez no Sahara colonial; Meimina desvélase para acadar o soño da alfabetización plena nos campamentos; Mohameda Alí, humildemente, deixa constancia da súa indiscutible autoridade na daira de Mahbes; Mohamed Yeslem aínda conserva un sotaque cubano de cando aprendeu medicina na Habana mentres fai funcionar un hospital entre o siroco e a escaseza; Omar ofrece froitos inimaxinados dunha horta imposible no deserto;entre a melfa de Embarca Hamudi descúbrese que as mulleres son a cerna da República Árabe Saharauí Democrática e da Fronte Polisario; Aziz expón retratos dos desaparecidos nas cadeas marroquís; nos xogos de Fatma agroman a señardade e as alegrías das vacacións pasadas no mar de Vigo; Brahim Gali desprega a cartografía da estratexia do alacrán contra o poderío militar marroquino... e así moitos e moitas máis. Todos e todas agasállanos con té: primeiro, amargo como a vida, logo doce como o amor e, finalmente, suave, din, como a morte ou os soños.
Ficha técnica
Editorial: Xerais
ISBN: 9788483022801
Idioma: Gallego
Número de páginas: 280
Encuadernación: Tapa blanda
Fecha de lanzamiento: 18/05/2001
Año de edición: 1998
Plaza de edición: Vigo
Alto: 21.0 cm
Ancho: 13.0 cm
Especificaciones del producto
Escrito por Fran Alonso
Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria como escritor ao gañar o Premio Blanco Amor de Novela en 1991 con «Tráiler» (Xerais). Desde entón publicou novelas, libros de relatos, poesía, literatura infantil, xuvenil e libros de xornalismo. A súa obra está guiada sempre por unha actitude innovadora. En 1994 publicou o libro de relatos «Cemiterio de elefantes» (Xerais, 1994) e logo viñeron a novela «Silencio» (1995-Xerais, 2014), «O brillo dos elefantes» (Xerais, 1999), «Males de cabeza» (Xerais, 2001), «Cartas de amor» (Xerais, 2006), «Ninguén» (Xerais, 2011) e «A punta de pistola» (Xerais 2012), que foi XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, así como as biografías «A vida secreta de María Mariño» (Xerais, 2007), «Folerpas de Novoneyra» (Xerais, 2010) e «A voz que vén da seitura» (libro-CD, 2007). No ámbito do xornalismo, publicou os libros «Territorio ocupado» (Xerais, 1998), «Un país a medio facer» (Xerais, 2008) e «Contesta ou disparo» (e-book, 2011). A súa obra poética deuse a coñecer coa publicación, en 1992, de «Persianas, pedramol e outros nervios» (1992), ao que seguiron «Tortillas para os obreiros» (1996), «Cidades» (Xerais, 1997), «Subversións» (Xerais, 2001), «Balada solitaria» (2004), «O meu gato é un poeta» (libro-CD, Xerais, 2011), «Poemas birollos para ler cos ollos» (Xerais, 2016), «Terraza» (Xerais, 2017), «Transición» (libro-CD, 2011) e «Véndoche un poema» (2025). Tamén é autor da coñecida antoloxía «Poetízate» (Xerais, 2006), que se converteu nun best-seller, e dos álbums ilustrados «A casa da duna» (Xerais, 2002) e «A araña e mais eu» (2009). En 2021 publica o ensaio para lectorado infantil e xuvenil «Douche a miña palabra (Xerais, 2021). Así mesmo é colaborador de diversos medios de comunicación, activista a favor da lectura, realizou o deseño e ilustracións dalgúns dos seus libros e leva a cabo diversos espectáculos poéticos. A súa obra está traducida a varias linguas.