Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos, recitados e cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nun libro entregado por completo aos xogos musicais iniciáticos. O tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como único fin que poñades todo este material en práctica e a viva voz, sen necesidade de darlle ao "play". Contén un CD con 38 cancións.
A grande cantidade de xogos e divertimentos que tiñan os nosos pais, os nosos avós e demais antepasados conforman unha parte moi importante da nosa cultura oral. Ca chegada dos medios de comunicación masivos -e por riba de todos a televisión- e despois da incursión na nosa sociedade de ordenadores, videoxogos e demais tipos de divertimentos individuais, resulta difícil atoparnos con pandillas de rapaces e rapazas a xogar xuntos. De aí a importancia de recuperar e difundir este material. E fermosísimo ve-las xentes maiores das nosas aldeas lembrando estes xogos que formaron parte da súa nenez e da súa xuventude.