Ramón Gutiérrez Izquierdo, membro do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, é profesor titular no Campus de Ourense, onde imparte as materias de lingua e literatura galega. Cursou estudos de Filosofía e Ciencias da Educación, de Psicoloxía e Pedagoxía, e formou parte da Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega. Ademais de varios libros e artigos sobre literatura galega e da tradución da obra de Douglas Gifford, Warriors, Gods&Spirits of the Central and South American Mythology, publicou Lecturas de nós. Introducción á literatura galega (Xerais, 2000), obra que ao longo de máis de quiñentas páxinas enfía o discorrer histórico da literatura galega, desde os trobadores ata finais do século XX, a partir de 27 textos significativos quince poemas e doce relatos, que comenta e interpreta en conexión con variados motivos das letras universais. Tamén é o responsable da edición dos relatos de Antonio Sánchez Lorenzo un xogo de imposturas e suplantacións aparecidos co título de Cincuenta asasinatos breves e un prólogo (Xerais, 2001). Desde hai dez anos dirixe o curso de «Interpretación e Creación literaria» da Universidade de Vigo. En 2009, o volume Shakespeare´s Sonnets Global (Edited by Manfred Pfister and Jürgen Gutsch), que reúne traducións escollidas dos sonetos do bardo inglés a máis de sesenta e cinco linguas, incluíu a versión de Ramón Gutiérrez Izquierdo do soneto 128, aparecido na revista Viceversa como parte dun ensaio sobre a tradución da poesía lírica en xeral e as versións ao español e ao portugués dos poemas de William Shakespeare. En 2011 publicou a edición bilingüe dos Shakespeare´s Sonnets, que inclúe comentarios pormenorizados de todos e cada un dos Sonetos do bardo de Stratford.
Recibe novedades de RAMON GUTIERREZ IZQUIERDO directamente en tu email
Os Sonetos de Shakespeare son un dos cumios da poesía lírica de todos os tempos. As circunstancias que rodearon a súa publicación e a ambigüidade no relativo á identidade e ao sexo dos destinatarios teñen servido de escusa a múltiples conxecturas que, se ben non contribúen á comprensión dos sonetos, proban non obstante o continuo interese que desperta esta obra. Catrocentos anos despois de ver a luz, a modernidade destes textos segue resultando sorprendente, e o enfoque singular do bardo de Stratford fai que fique neles para sempre un halo de misterio. Nos sonetos asistimos a unha sorte de representación dramática onde unha voz meditativa vai debullando, en loita contra o tempo, os vaivéns do afecto e da paixón, da amizade e do amor, do anhelo e do desengano. Nesa percepción múltiple do teatro dos sentimentos danse cita os motivos máis diversos, desde a visión da natureza até a denuncia social ou a procura dunha trascendencia alén da morte. Ramón Gutiérrez Izquierdo presenta esta versión exemplar dos Shakespeare´s Sonnets acompañada de comentarios e notas sobre todos e cada un destes poemas, máscaras diversas do home das mil caras que foi William Shakespeare.